Aforra na factura da luz durante o verán

Como aproveitar a luz do sol para aforrar na factura da luz

A risco de parecer unha evidencia tonta, podemos afirmar que a luz do verán nos axuda a aforrar.

Máis alá do aforro en luz e calefacción hai beneficios da luz solar que podemos aproveitar.

Algúns exemplos:

  • En Galicia somos afortunadas/os co clima estival, non todo ían ser interminables días escuros e húmidos! As temperaturas suaves e o refresco das noites fan do noso un verán moi agradable. Por iso, en lugar de aparatos de climatiación e aire acondicionado podemos optar polo uso de ventiladores de teito ou de pé para aqueles días máis abafados. O uso de ventiladores reduce ata un 90% do consumo eléctrico con respecto aos sistemas de climatización. A luz do sol é un potente branqueador natural. As prendas brancas escurecidas ou amareleadas recuperan parte do seu branco natural cando se lles aplica xabón tradicional e se estenden ao sol das horas centrais do día.
  • Esta práctica, tan antiga coma o propio xabón, é moito máis sostible e ecolóxica que o uso de químicos (que ademáis tenden a requerir lavadora) ou procesos de tintoraría industrial. É barata e, sobre todo, efectiva.
  • Este ano os electrodomésticos tamén collen vacacións. No caso de marcharmos do fogar durante un período superior aos 5 días, deixaremos os electrodomésticos en modo repouso ou pausa. As e os que sexades máis maiores aínda lembraredes como hai anos, se se marchaba un mes fóra da casa, os electrodomésticos como a neveira ou a lavadora quedaban desenchufados para aforrar consumo de luz e evitar posibles accidentes. Afortunadamente, a meirande maioría dos electrodomésticos modernos teñen incorporada na súa programación o modo aforro. Lembrarnos de activarllo antes de marchar diminuirá o gasto enerxético e, polo tanto, a factura da luz.¿Sabes que as plantas regulan a sensación térmica do fogar? No verán absorben a calor e refrescan a estancia. No inverno contribúen a xerar un entorno cálido e funcionan como deshumidificadores naturais. Algunhas das plantas que podemos incorporar á nosa vivenda xa que requiren moi pouco coidado e reaccionan moi ben ao interior son a cinta (non sendo que convivades con gatos porque a van estragar), a suculenta ou a lingua de tigre.
  • A instalación de acumuladores de enerxía solar é unha práctica cada vez máis frecuente en complexos de vivendas e establecementos coma bares ou hoteis. A medio prazo, a inversión en paneis solares sae verdadeiramente rendable mesmo nunha rexión coma a nosa con, relativamente, poucas horas de luz solar ao ano. Mais sen ter que chegar a facer un gasto grande, hai pequenos acumuladores cos que si podemos operar. Nas vivendas con piscina, por exemplo, a ducha con quentador solar é unha solución estupenda tanto a nivel de aforro como de ecoloxía. Os cargadores solares para portátiles e dispositivos móbiles son outra ferramenta máis que asequible para integrar na nosa cotidianidade do verán.

A maiores destas propostas, procura non facer uso de electrodomésticos coma o forno mentres a temperatura sexa alta xa que a irradiación de calor do mesmo pode manterse durante horas se non ten unha boa ventilación. É un dos electrodomésticos que máis consome e o seu uso nas horas centrais, ademáis de ser caro, pode desregular o termostato do fogar.