Ventaxas do teletraballo para o medio ambiente

Sostibilidade: Ventaxas da normalización do teletraballo

O traballo a distancia pode convertirse nunha oportunidade para contribuír á mellor e maior sostibilidade do medio ambiente.

O impacto dos medios de transporte 

Segundo datos do 2015, o transporte é o responsable do 13% das emisións globais de gases de efecto invernadoiro e do 24% do CO2 asociado á combustión de hidrocarburos.

Como comentabamos ao falar da lei de Cambio Climático e Transición Enerxética, as medidas cara as que se camiña son de reducción deste tipo de emisións fomentando un tipo de transportes menos contaminantes e zonas de tráfico restrinxido.

Precisamente por isto, a normalización do teletraballo parece unha medida moi interesante para a contribución á paliación de emisión de gases nocivos para a atmósfera. Traballar dende a casa sen ternos que desprazar a un lugar común de traballo repercute positivamente na calidade do aire. Ao haber menos tráfico, expúlsanse menos gases tóxicos. É algo que foi moi evidente durante os momentos máis duros da pandemia. Durante o confinamento, a fauna e a flora víronse favorecidas. Outro punto importante é a diminución da contaminación acústica. Isto é moi positivo para a cidadanía, pois está demostrado que o exceso de ruido acentúa o estrés e a tensión. Unhas cidades máis silenciosas axudan a unha mellor saúde mental. 

A pegada ambiental do traballo dende a casa

Para facer unha valoración real dos posibles beneficios do teletraballo, hai que ter en conta os efectos de estarmos na casa traballando de xeito individual.

  • Calefacción

A xestión enerxética das oficinas, tende a ser máis eficiente que a das vivendas unifamiliares. O caso da calefacción no inverno ou o aire acondicionado no verán é un exemplo moi doado de ver. A emisión de carbono (a maiores do gasto económico) multiplícase pola cantidade de teletraballadoras e teletraballadores que haxa. 

  • Transporte

Traballar dende a casa ten un impacto positivo para a conciliación e para a xestión do traballo de maneira máis eficaz. Se ben, posiblemente fomente a necesidade de socializar doutro xeito: actividades de ocio, viaxes e saídas en xeral, parece unha consecuencia lóxica de estarmos máis tempo na casa. Iso ten tamén repercusións no medio xa que, se por unha banda reducimos os desprazamentos ao traballo pero por outra aumentamos os desprazamentos de ocio e tempo libre, non parece que vaia haber gran diferenza a nivel de emisión de gases nocivos. 

Sexa como for, o teletraballo parece que chegou para quedarse. Vai precisar, iso si, dunha regulación para as traballadoras e traballadores por parte das administracións. Se o paradigma laboral cambia, son necesarias medidas para a regularización das novas condicións para que non saiamos perdendendo dereitos e retribucións económicas.