Os xoguetes eléctricos da nosa infancia

Lonxe quedan as mañás de Reis nas que as pequenas e pequenos desenvolvían xerseis, bonecas de trapo e, as máis afortunadas, a tan ansiada bicicleta. O mundo dos agasallos volveuse totalmente eléctrico e as cativas e cativos xa case non saben xogar con nada que non se enchufe.

Mais… hai que adaptarse! Que non queremos que nos chamen boomers.

Evolución dos xoguetes eléctricos

Videoxogos

Hai 30 anos, o máis revolucionario nos xoguetes eléctricos eran as consolas. A mítica Súper Nintendo, hoxe obxecto de colección, saía ao mercado en 1990 marcando un antes e un despois no ocio de cativos e adolescentes.

O prezo que tiña a Súper Nintendo era de 210$, que hoxe serían uns 350$. Era un produto caro porque, ademáis, requería mercar os xogos a parte. Aínda así, foi todo un éxito de vendas e aceptación e cambiou considerablemente o paradigma do entretemento sentando as bases da actual era dos e-sports.

A consola portátil

Tan ou máis revolucionario que o anterior foi o lanzamento da videoconsola portátil Game Boy. Un fito sen precedentes na historia dos xoguetes eléctricos que marcou a toda unha xeración.

Os primeiros conatos de “intelixencia artificial”

Robots

Todas e todos lembramos aquel robot mordomo comercializado por Bibibizak! en 1997 que rozaba perigosamente os límites do políticamente correcto. Con tres funcións de voz e tres ou catro frases na memoria, aquel pobre robot teledirixido tiña como única función moverse coa súa bandexa e un sorriso.

Bonecos

Mención especial merece o Furby. Xoguete sinistro como poucos, saía ao mercado en 1998.

A gracia daquel indescriptible ser (unha mistura de paxaro, morcego e gato) era a súa dependencia afectiva e vital. Podía moverse e pedir amor e alimento. Unha curiosidade é que estaba programado para detectar idiomas pero, entre o abano de linguas non se atopaba o galego. As pequenas e pequenos que tivemos un Furby en Galicia sabemos que o noso “amigo” nos falaba en portugués ou en… rumano!

Mascotas virtuais

Na liña da dependencia leva o podio absoluto o Tamagochi. Outro boom nipón que se convertiu en obxecto de colección. O Tamagochi era un… ser que medraba dentro dun ovo ao que había que atender para que, despois dunha sesta longa, non aparecese morto. Que necesidade habería de crearnos semellante ansiedade na infancia?

Foi tal o éxito deste xoguete que os seus creadores foron galardoados co Premio Nobel de Economía en 1997.

Os xoguetes eléctricos na actualidade

A día de hoxe, prácticamente toda a oferta do sector ten compoñentes electrónicos. O avance foi enorme en poucos anos e mesmo a aprendizaxe e a lectura están dixitalizados.

Non é nin bo nin malo que os xoguetes sexan eléctricos sempre e cando fomenten a interacción das e dos pequenos con outros “da súa especie”. 

No voso caso, sodes partidarios de xogos clásicos ou fans das novas tecnoloxías?

Lémosvos nos comentarios!