reis magos

Que alumaba realmente o camiño dos Tres Magos?

O misterio sobre a natureza da Estrela de Belén, leva séculos enriba da mesa. Hai algo máis de 2000 anos que, segundo o mito, os tres magos de Oriente seguiron a estela dunha luz brillante do firmamento. O que segue sen estar moi claro é que tipo de fonte emitía esa luz.

Tres teorías para os Tres Magos

En primeiro lugar, cabe especificar que o concepto “mago” que recollen os textos bíblicos e que chega ata os nosos días, perdeu o seu significado orixinal. No momento en que se recolle o mito dos tres reis, a palabra mago facía referencia a un tipo de sacerdote da antiga Babilonia, estudoso dos fenómenos astrolóxicos. A traducción máis achegada sería a de “sabio”.

As posibles teorías:

O astrofísico Mark J. Kidger, propón 3 posibles escenarios para este fenómeno:

  1. A Estrela de Belén é un mito e, polo tanto, non existiu máis que como figura literaria.
  2. A Estrela de Belén é un milagre e, polo tanto, non hai lugar á búsqueda dunha explicación científica.
  3. A Estrela de Belén foi un suceso astronómico real e, posiblemente, puntual. Esta última teoría é a que desenvolveremos aquí.

Que era a Estrela dos Reis Magos?

Unha Gran Conxunción planetaria:

Kidger aporta como posible explicación, a conxunción dos planetas Xúpiter e Saturno, aos que se lles sumou Marte, un feito datado no ano 7 antes da nosa era (a.n.e.). A aliñación destes corpos produciría unha fonte lumínica de grande intensidade e curta duración que podería explicar un feito astrolóxico de suficiente importancia como para que, os investigadores da época, lle prestasen especial atención. Esta conxunción produciríase, ademáis, sobre a constelación de Piscis, de grande importancia na tradición xudea.

Un po-hsing

Astrónomos chineses e coreanos dataron no ano 5 a.n.e. a posible aparición dun po-hsing, que fai referencia á aparición, ou ben dun cometa sen cola, ou ben dunha nova estrela. De ser así, estariamos falando de que, naquel tempo, o que se detectou foi un novo punto lumínico no ceo, descoñecido ata entón.

Un feito de carácter místico con base real

Segundo o astrofísico Michael Molnar, o suceso non puido ser tan impactante coma as dúas teorías anteriores xa que non existen documentos de ningún tipo sobre o tema en ningún dos legados das grandes civilizacións do momento. Sería pois, un fenómeno pouco evidente e cun grande compoñente místico ou relixioso. Segundo Molnar, no ano 6 a.d.e. tiveron lugar dúas ocultacións de Xúpiter detrás da Lúa que, para uns sacerdotes especialmente pendentes dalgún sinal espiritual, dictaminou o xa coñecido nacemento do Mesías.

Sexa como for, de momento parece complicado para os teóricos decantarse por unha explicación e non por outra. O que si se descartou foi que se tratase do cometa Halley, que non se viu dende a terra ata o ano 12 a.d.e., segundo cálculos recentes.

Pareceuvos interesante? Lémosvos nos comentarios!