Como previr un pico de tensión

Que é un pico de tensión e como evitalo

Os picos de tensión son máis frecuentes do que cremos. Antes eran máis doados de identificar porque, normalmente, ían acompañados de que se fora a luz. Agora é infrecuente que quedemos sen luz mais, os picos de tensión seguen producíndose e poden danar os nosos electrodomésticos.

Saltar os plomos

Esta expresión segue empregándose a día de hoxe para facer referencia a cando saltan os automáticos por algunha avaría eléctrica entre a que pode atoparse un pico de tensión.

A expresión saltar os plomos facía referencia ás barras de cerámica e chumbo que se fundían cando se producía unha sobrecarga eléctrica, evitando así a circulación da corrente por seguridade. A día de hoxe nas casas xa non hai “plomos”, pero seguimos empregando a expresión.

Que é un pico de tensión?

Os picos de tensión son un aumento da tensión da rede por enriba do nivel nominal. Isto pode producir danos graves en electrodomésticos e outros aparellos conectados á corrente.

Polo xeral, os picos de tensión son froito dalgún erro na rede de suministro ou do impacto dun raio nalgún lugar próximo a nós.

Cando isto sucede, o sistema eléctrico sofre un incremento importante e repentino no suministro.

Como previr un pico de tensión

Causas internas

No caso de que a orixe da subida sexa interna, tende a ter que ver, na maioría dos casos, con superar a potencia contratada. Ter moitos electrodomésticos conectados ao mesmo tempo (especialmente o ferro, o forno, estufas eléctricas, etc) é a causa máis habitual.

Evitar ou previr este tipo de picos de tensión é doado. Chega con coñecer cal é o límite da potencia que temos contratada e non sobrepasala.

Causas externas

Se a orixe provén do exterior, resulta máis complexo poder antepornos a ela, se ben moi frecuentemente está vinculada a tormentas eléctricas e, se estamos na casa, podemos desenchufar os aparellos susceptibles de ser danados cando comecemos a escoitar os tronos.

Protexernos dunha subida eléctrica

  • Ten a instalación revisada e en boas condicións

Para isto debemos contratar a un técnico eléctrico profesional que faga unha revisión rutinaria. Isto garantiranos que o sistema e os interruptores  están en boas condicións e funcionando de maneira eficiente.

  • Comproba a potencia contratada

Como diciamos arriba, é importante que coñezas o límite de potencia que contrataches para o fogar. Se non o lembras, podes poñerte en contacto con nós no teléfono 900373371 ou no enderezo de correo [email protected] e estaremos felices de facilitarche os datos.

  • SAI: Sistema de Alimentación Ininterrumpida

No caso de que queiras protexer o teu traballo e que non te pille por sorpresa a desconexión do equipo, podes facerte cun SAI. Estes acumuladores garántenche a autonomía suficiente para que poidas gardar e pechar o teu traballo con tranquilidade e sen desagradables sobresaltos.