Acabouse o imposto ao Sol

O Pleno do Congreso dos Deputados validou este xoves o decreto lei que aprobou o Goberno o pasado 5 de outubro que inclúe entre outras medidas urxentes a derrogación do denominado “imposto ao sol”, a ampliación do bono social e a suspensión durante seis meses de dous impostos á xeración eléctrica para abaratar un 4% o recibo da luz.

O “imposto ao sol” naceu en 2015 como unha medida do goberno do Partido Popular para cubrir os custos de distribución e mantemento da rede eléctrica xeral. En realidade, esta taxa créase para anular a débeda do Goberno cos produtores de enerxía solar, que excedía con fartura as previsións.

A normativa no abono do imposto correspondente ademais comportaba o compromiso por parte dos autoconsumidores de envorcar o seu excedente de enerxía á rede @gratuitamente. Isto é, todo o que eles non utilicen, será regalado á rede xeral, sen recibir nada a cambio.

Pero agora, as cousas cambiaron. Ábrese, desta maneira, unha nova era para as enerxías renovables e para o autoconsumo, que o Goberno deberá acompañar con máis medidas que apoien este estilo de vida, inserido dentro da economía circular. Poida que así cheguemos a funcionar como pequenas comunidades enerxéticas autoabastecidas, algo que nos fará ben ás persoas e ao planeta.