Que é o biogás e que aplicacións ten?

Co gallo da aplicación na Coruña dun sistema de aproveitamento do biometano xerado polas augas residuais da cidade, decidimos que a entrada do blogue desta semana versaría sobre este tipo de produción enerxética que, a día de hoxe, xa serve como combustible para furgonetas e autobuses coruñeses. (https://www.energias-renovables.com/biogas/el-biometano-generado-con-las-aguas-residuales-20181023?fbclid=IwAR12MnQSf9PjOx6HFJoHel_8y3GncSt82LBLFeRv2RKYWBJAGHo5QX_VGLk)

O biogás é un gas combustible que se xera en medios naturais ou en dispositivos específicos, polas reaccións de biodegradación da materia orgánica, que soe correr a cargo da acción de microorganismos e outros factores en ausencia de osíxeno (isto é, para a xente de ciencias, nun ambiente anaeróbico). Este gas tamén é popularmente alcumado “gas dos pantanos”, debido a que neles prodúcese a diario unha biodegradación de residuos vexetais con semellantes efectos á descrita anteriormente.

A través de contribucións científicas dos últimos anos como as do proxecto NANOCLEAN, están a desenvolverse novas formas para obter biogás, todas baseadas na aplicación de nanotecnoloxía para optimizar a produción de gas, a través da introdución controlada de nanopartículas de óxido de ferro no proceso de tratamento de materia orgánica,​ xerando novas oportunidades de emprego. Podes ver de que vai o proxecto aquí: http://sior.ub.edu/jspui/cris/socialimpact/socialimpact00426

 

Posibles aplicacións

Un metro cúbico de biogás totalmente combustionado pode ser suficiente para: xerar 1.25 kw/ h de electricidade, xerar 6 horas de luz equivalente a unha lámpada de 60 w, poñer a funcionar un refrixerador de 1 metro cúbico de capacidade durante unha hora, facer funcionar unha incubadora de 1 metro cúbico de capacidade durante 30 minutos, ou para facer funcionar un motor de 1 HP durante 2 horas.

 

En principio, debemos ter en conta un feito clave, o biogás pode ser utilizado en calquera equipo comercial deseñado para uso con gas natural e non supón moitos problemas a súa implantación por esta facilidade concreta.

 

Os motores a biogás teñen amplo espectro de aplicación, sendo os máis usuais o bombeo de auga, o picado de racións e o funcionamento de ordeñadoras nas áreas rurais. O outro uso moi xeneralizado é o seu emprego para activar moitos tipos de xeradores de electricidade.

 

En definitiva, o emprego de tecnoloxía aplicada ao uso do biogás marcará moitas producións enerxéticas no país e no mundo. Por iso, Galicia debe investir en investigación e pretender estar á vangarda de este tipo de iniciativas innovadoras.