Como todos os anos, o día 17 de maio é un día feliz para todas e todos os galegos. É o día no que reivindicamos as nosas letras, o poder da nosa lingua e a forza e o valor da nosa literatura.

Por que o 17 de maio celebramos as letras galegas

O dia 17 de maio foi proposto como día oficial das nosas letras por Manuel González Román, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego no ano 1963. Dende a proposta destes académicos, a festividade celebrouse ininterrompidamente durante 67 anos, sendo a primeira vez que se pospuxo a celebración o 2020, ano da pandemia COVID.

A proposta destes membros da Real Academia Galega non era unha data ao chou. Escolleron o 17 de maio por ser o día da publicación dunha das obras de maior importancia para o sistema literario galego: Cantares Gallegos da autora cume da nosa literatura Rosalía de Castro.

O poemario Cantares Gallegos publicouse en Vigo no 1863 e é unha peza chave para Galicia por moitos motivos. O primeiro e, polo que é recoñecido como data importante é que é a primeira obra publicada íntegramente en galego despois do período coñecido como Séculos Escuros, unha etapa de decadencia e decaemento da nosa lingua como vehículo cultural.

Cantares Gallegos dá paso á etapa coñecida como Rexurdimento, na que se produce unha revalorización dos nosos elementos identitarios e do noso sistema cultural, daí a importancia da súa publicación.

A importancia das Letras Galegas

O noso patrimonio lingüístico e cultural foi, durante demasiado tempo, un animal ferido e agochado. Intereses políticos e económicos provocaron que en Galicia se orquestasen medidas específicas de anulación e sometemento a través da negación da nosa ideosincrasia e todo o que ela abarca. Especialmente a lingua e as artes foron alienadas á cultura castelá durante o expansionismo do reino castelán. A estocada foi moi dura tanto por prolongada como por agresiva e deixou o noso patrimonio cultural, tan rico durante a Idade Media, sen referentes durante tres séculos. 

Os homes e mulleres do Rexurdimento e, máis adiante as e os participantes da xeración Nós, lograron recuperar o estato da lingua galega e regalándonos un futuro para as nosas letras. Mais o animal volveu ser atacado e o Franquismo, coa súa centralización lingüística e cultural volveunos ferir, e moito.

Por iso é tan importante a celebración desta data. É importante lembrarmos que, aínda que as feridas foron moitas e profundas, a identidade e o patrimonio das galegas e galegos, segue a erguerse do chan unha e outra vez. Isto quere dicir que os nosos piares son firmes e fondos. E hoxe celebrámolo con orgullo. 

¡Felices letras galegas a todas e todos nós!