Manter a temperatura constante no fogar

Consellos para manter constante a temperatura do fogar

No aforro enerxético e, por suposto, da factura da luz, un factor chave e lograr non perder calor. Ou dito de outra maneira, sermos quen de manter unha temperatura o máis constante posible nos meses de invernos dentro da casa.

Para non sufrir cambios na temperatura do fogar, vexamos que chaves podemos poñer en práctica diariamente para facer un uso da calefacción máis eficiente.

Consellos para non perder calor na vivenda:

  • Se podes, pon un termostato para controlar os grados aos que tes a calefacción. 

Sabes que é moito máis eficiente ter unha temperatura que non sexa moi alta? Recoméndase ter o termostato ou a temperatura cuns 22º de máximo. Non sendo en casos escepcionais coma no caso dos recén nados ou persoas sen mobilidade, a temperatura a 22º resulta máis que suficiente para estar máis que cómodas e cómodos no inverno. Lembra que, independentemente do gasto económico, unha temperatura excesiva na vivenda está contraindicada mesmo por cuestión de saúde.

  • Un bo illamento.

Lóxicamente, non todas as persoas poden meterse a poñer dobre xanela se non as teñen, e menos aínda cando xa asoma o inverno. Son postas a punto caras e que só poden facerse durante a primavera ou o verán. O que si podemos facer é identificar correntes en caso de que as haxa e selalas.

Nas rendixas inferiores das portas, especialmente as da entrada á casa, podes colocar un burlete que axudará a que non entre frío nin correntes de aire.

A pintura illante axudará moito a manter a calor no inverno e a que as paredes non “súen”.

Como paliativo podemos facernos cun deshumidificador. Non fai falla grande cousa pero a humidade acrecenta moito a baixa sensación térmica. Se traballamos na casa, ter un deshumidificador pequeno funcionando no espazo onde pasamos horas axudará a diminuír o frío.

  • Abre as xanelas para ventilar polas mañás durante 10 minutos.

Existe a falsa crenza de que “airear” a casa durante moito tempo mellora a calidade do aire e diminúe a humidade da vivenda. Pois ben, non é así. 10 minutos son suficientes para que a condensación da noite nunha vivenda ben illada desapareza sen termos que volver a cinco grados menos dos que a calefacción terá que tirar. Por outra banda, se dades duchas pola noite ou en calquera outro momento do día que non sexa a mañá, podedes abrir a xanela do baño, claro, pero lembrade pechar a porta mentres desaparece o vao para que non enfríe o resto da casa.

  • Por último, en vivendas unifamiliares de unha ou dúas plantas, unha idea moi interesante para o inverno son as chemineas de pellets.

Son baratas, de combustible moi asequible e un enorme poder calefactor. Para estancias nas que se está durante moito tempo coma o salón, son un sustituto máis que eficaz dos radiadores. Moita xente habitúa a colocalas no oco da escaleira para que distribúan o calor.

Agardamos que estes consellos vos sexan útiles para manter o calor na vivenda este inverno que está ao caer.