factura luz novos tramos horarios

Consellos para aforrar na factura da luz cos novos tramos horarios

Os cambios nas tarifas eléctricas deixan segmentados en tres tramos horarios os días da semana, agás o sábados e domingos, días nos que non se fai diferenciación pro tramos estando o día completo afectado pola tarifa máis baixa.

Como vemos na gráfica, o uso de electrodomésticos de alto consumo debería reducirse ás horas da madrugada para un maior aforro enerxético.

Sabemos que as persoas que teñen o costume de durmir de noite, poden atoparlle algunhas pegas a esta nova planificación dos tramos da factura da luz. De igual maneira, todas aquelas que non sexan afeccionadas a lavar no río ou a cociñar en fogueiras no exterior, poden ver seriamente afectadas as súas rutinas.

Para todas estas (moi posiblemente o 95% da poboación galega), veremos algúns consellos para procurar aforrar na factura da luz segundo os novos tramos:

Consellos e trucos:

  • Como viamos na proposta de aforro de luz no verán, é importante ter revisadas as bombillas que empregamos no fogar. A sustitución destas por bombillas de baixo consumo ou leds, supón unha mellora notable no gasto enerxético diario.
  • Afacernos a planificar a bogada nas fins de semana. Durante os meses de confinamento sucedeu un fenómeno curioso pero comprensible: moitas persoas fixemos limpezas en profundidade nas nosas vivendas e puxemos lavadoras de xeito (un chisco) compulsivo. A necesidade de sentir que faciamos algo produtivo e que nos mantivese ocupadas provocou que pasaramos moito máis tempo do habitual na cociña ou pasando o ferro. Daquí en diante e, sempre que os horarios laborais nolo permitan, haberiamos de planificar este tipo de quefaceres para os sábados e os domingos.
  • Practicar batch cooking: ou o que é o mesmo, organizar a comida de toda a semana nunhas poucas horas.

Esta práctica, ademáis de axudarnos no aforro enerxético diario, contribúe a ter unha alimentación mellor e máis sana xa que non hai lugar aos impulsos de última hora (lembremos que por exemplo o forno é un dos electrodomésticos de maior consumo na vivenda) nin aos precociñados ou comidas lixo.

Cociñando na fin de semana aforras cartos na factura da luz e na compra, optimizas o tempo e eliminas preocupacións.

  • Pecha a neveira e o conxeledor. Cando collemos algo da neveira, moitas veces deixamos a porta aberta mentres servimos a auga no vaso, sacamos os ovos do cartón ou botamos as olivas no prato. O mesmo ocorre co conxelador cando cargamos a compra ou collemos os xeos. Esta práctica provoca que suba a temperatura dos electrodomésticos de refrixeración obrigándoos a facer un consumo extra de enrexía para volveren á súa temperatura orixinal.

Estes hábitos que recomendamos son de fácil integración na nosa vida diaria e serven para mellorar dende a nosa alimentación ata os tempos de lecer. Ah! E o aforro de enerxía pode contribuír a mellorar tamén a nosa relación de parella! Unha cea á luz das candeas nunca foi un mal plan.