restaurantes sostibles

Que son os restaurantes sostibles?

Cada vez é de uso máis común o termo “sostibilidade”. De seguro tedes escoitado falar dos restaurantes sostibles, unha filosofía de relación co entorno que colle forza na alta gastronomía. 

Que é un restaurante sostible

Dun tempo para aquí, comezou a valorarse tanto coma a innovación e a orixinalidade nas eleboracións, a relación do restaurante co contorno. O uso de enerxías renovables, a minimización de residuos e os produtos de km 0, son as novas tendencias na restauración.

Este tipo de iniciativas apostan polo uso de paneis solares para a alimenteción enerxética das cociñas así como pola colocación de grandes cristaleiras no comedor que permitan reducir o uso de luz artificial.

En canto aos menús, a proposta é clara: traballar con produtos de proximidade. Esta escolla é perfectamente lóxica e beneficiosa en dous aspectos fundamentais: elimínanse intermediarios, o que reduce os custos facendo máis asequible o menú e eliminando todos os residuos derivados do transporte. O outro aspecto chave é que, ao traballar con produtos da zona, garántese a frescura e, por suposto, todas as propiedades nutritivas e gustativas de produtos que son autóctonos e, polo tanto, danse mellor que noutros lugares sen necesidade de tratamentos químicos.

Na filosofía de sostibilidade entra tamén o respecto polas e polos traballadores. O sector da restauración foi, tradicionalmente, mesquiño coas persoas que desenvolvían os traballos de cociña e servizo. O novo modelo aposta por persoas formadas e con xornadas laborais  retribucións económicas dignas. 

En resumidas contas, os restaurantes sostibles presentan un modelo económico, social e gastronómico de respecto e responsabilidade que trata de concienciar e contribuír na mellora das relacións co contorno sen renunciar ao hedonismo do desfrute gaastronómico.

Exemplos de restaurantes sostibles:

Culler de Pau (O Grove): O restaurante de Javi Olleros é o único restaurante galego galardoado con dúas estrelas michelín. Ten, ademáis, a distinción de “estrela verde” que se lle outorga aos restaurantes con mellor aplicación de sostibilidade. No caso de Culler de Pau, a Universidade do País Vasco demostrou que o 87% do que Olleros serve nos seus menús é de procedencia completamente local.

Pepe Vieira: Coma o anterior, este restaurante tamén foi recoñecido coa estrela verde. No restaurante de Xosé Cannas en Pontevedra, prácticamente o 100% dos froitos e verduras que empregan procede do seu horto. 

Abastos 2.0.: Esta inusual taberna de Compostela está situada xusto ao lado da Praza de Abastos e súrtese, exclusivamente dos produtos que poden adquirir no mercado en cada momento. É un modelo moi interesante para os restaurantes máis urbanos que non poden permitirse extensións de terreo ao pé da cociña.