Seguridade eléctrica

Seguridade eléctrica no verán. Como evitar pequenos accidentes

No verán tendemos a pasar menos tempo na casa; ademáis, esa certa relaxación xeral que dá o bo tempo pode levarnos a despistarnos cos aparellos eléctricos do fogar.

Consellos de seguridade eléctrica:

  1. Non sobrecargues os enchufes.

Xa sabemos que, entre que queremos aproveitar as horas de sol fóra da casa (aínda que este verán parece que non chegan de todo) e o novo funcionamento por tramos da factura da luz, resulta complicado non concentrar o uso de electrodomésticos coma  alavadora, o lavalouzas ou o ferro. Se ben, debemos procurar, cando menos, non ter nunha mesma toma varios aparatos a un tempo. O consumo por circuíto (enchufe) non debe superar os 2.000 watts polo que non abusemos das regletas e os ladróns. É preferible ter cada electrodoméstico conectado a unha toma distinta.

  1. Revisa as tomas eléctricas que teñas no exterior

Se tes tomas eléctricas ao aire libre comproba que están en bo estado e en todo momento cubertas, limpas e secas. Podes usar protectores de plástico para os momentos nos que non teñas nada conectado para evitar sustos cando vaias facer uso delas. Lembra que, ao estar no exterior, poden coller humidade ou algún insecto. É mellor telas cubertas ata o momento do uso.

  1. Auga e electricidade: mala combinación

O rego automático, a choiva ou as salpicaduras poden ser perigosos. Por iso, ademáis de ter os enchufes cubertos, é importante ter tamén o cableado protexido e, por suposto, en bo estado. Na medida do posible, evitemos a exposición de cables ao aire e, por suposto, á auga.

  1. Aire acondicionado e ventilación

No caso dos ventiladores, debemos asegurarnos de que están ben limpos, sen humidade e co cableado en bo estado. Polo xeral, son aparellos que mantemos gardados durante a maior parte do ano e poden sufrir danos que nos dean un sobresalto cando os vaiamos conectar.

No caso dos sistemas de aire acondicionado, lembra que requiren un mantemento que pode evitarnos tanto pequenos accidentes domésicos como problemas de saúde se non están ben limpos.

Despois destes consellos xa podedes desfrutar dun verán moito máis seguro!